Monday 29 de April de 2024

A Xunta investirá máis de 93.000 euros na reposición de rodadura en varios viais do polígono de Río do Pozo


As axudas apostan por fortalecer o tecido empresarial, mellorar as infraestruturas da Comunidade e fomentar o emprendemento industrial
O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou da resolución da orde a través da cal a Xunta de Galicia investirá máis de 93.000 euros para levar a cabo a reposición de rodadura nas avenidas de Gonzalo Navarro e Bernardo Romero. Esta inversión é posibles grazas a unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria e suporá un investimento total en Narón de máis 117.000 euros dos que a Xunta aporta o 80%.

Ovidio Rodeiro sinalou que con estas obras “a Xunta de Galicia aposta polo desenvolvemento industrial de Galicia, por iso a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a facer un importante esforzo orzamentario para incrementar a dotación do programa de apoio aos parques empresariais”.

O representante do goberno autonómico destacou que “con estas novas axudas a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o co desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e con apoios ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia”.

A maioría dos proxectos van orientados a mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos e para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, aínda que tamén para plantas de depuración de auga, xestión de residuos ou instalacións contraincendios. En total, na provincia da Coruña invístense 1,5 millóns para financiar 21 proxectos en 19 concellos.

A Xunta favorecerá a mobilización de 5,34 millóns de euros en proxectos para mellorar os parques empresariais de 51 municipios de Galicia, dos que 32 eran Concellos Emprendedores no momento de realizar a solicitude, o que lles deu prioridade na concesión das axudas. En concreto, a través deste programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegará 4,05 millóns de euros para a execución dun total de 57 actuacións que permitirán impulsar as infraestruturas dos polígonos.